Sunday 28 de April de 2024

A Mancomunidade de Ordes inicia un ciclo de charlas sobre habilidades e nutrición saudables


Terán lugar os luns de mañá e van dirixidas a todas as persoas interesadas

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes convoca un novo ciclo de charlas baixo o título ‘Habilidades e nutrición saudable’, dirixido a todas as persoas interesadas. Estas terán lugar nos baixos da Alameda de Ordes todos os luns de 10 a 12 horas, dando comezo o vindeiro 30 de maio e rematando o 27 de xuño. As persoas interesadas en acudir poden solicitar praza nas oficinas da Mancomunidade ou ben a través do teléfono 607642863.
Ao longo de todo este tempo as persoas asistentes adquirirán coñecementos sobre nutrición saudable; plans para poder aplicalos na súa vida diaria; prevención, detección e solución de problemas ocasionados por unha mala alimentación; habilidades sociais, perspectiva de xénero e inserción laboral; e aspectos e consellos para acadar unha nutrición sa que derive no benestar. Toda esta información organizarase a través de sesións temáticas que se centrarán nas proteínas e hidratos de carbono, a importancia de consumir auga, as achegas do azucre, así como os beneficios dos antioxidantes.
Por parte da organización está previsto que ao longo dos vindeiros meses a iniciativa se estenda por outros municipios da zona e se imparta nalgúns centros académicos.
Esta iniciativa é froito do traballo conxunto e da colaboración entre a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes; CIM da Mancomunidade de Ordes; Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; Consellería de Sanidade e o Fondo Social Europeo.